A Asociación de Familias Monomarentais de Galicia (FAGAMOS) desenvolverá durante o mes de novembro a actividade “Cultura Urbana On Tour”. Trátase dunhas xornadas itinerantes que se celebrarán durante a fin de semana en 10 localidades galegas, empregando a cultura urbana como ferramenta para traballar diferentes temáticas de interese social (a diversidade familiar, a igualdade, a corresponsabilidade,…) a través de obradoiros, facendo actividades colaborativas de parkour, cap paint, rap e graffiti. Estas actividades van dirixidas a nenos e nenas de 8 a 16 anos. Nelas fomentarase a expresividade de ideas e inquedanzas a través da creatividade. A xornada en Santa Comba terá lugar este sábado 4 de novembro no Recinto Feiral, en horario de 17:00 a 19:00 horas.
“Cultura urbana On Tour” é unha actividade desenvolta na actuación “Currunchiños de Conciliación” do proxecto “Facemos Corresponsabilidade 2023” no marco do Plan Corresponsables, coa financiación do Ministerio de Igualdade e a través da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia. A actividade estará impartida por Vella Escola coa colaboración do Concello de Santa Comba. Información e inscricións a través da web www.fagamos.com
