Publicada a aprobación do proxecto que permitirá a construción do Novo Hospital Público da Coruña

1 minutes read

Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou, na súa edición deste venres, a resolución do acordo que declara como Proxecto de Interese Autonómico (PIA) a construción do Novo Hospital Público da Coruña. Así mesmo, tamén fai público o Decreto de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados por esta actuación.

Con ambas as publicacións avánzase na tramitación do instrumento de ordenación urbanística do solo necesario para a construción do Novo Hospital Público da Coruña. Así, inclúense na mesma: as obras de urbanización e edificación, os accesos desde as vías de alta capacidade, o novo edificio hospitalario nas Xubias e o espazo para resituar as vivendas afectadas.

A consideración de Proxecto de Interese Autonómico (PIA) permite simplificar e darlle unha maior celeridade aos trámites necesarios para executar unhas obras que consolidarán a posición do complexo hospitalario coruñés como centro sanitario de referencia a nivel nacional.

A Xunta realizará un investimento que superará os 500 millóns de euros nun proxecto que representa a partida económica máis importante do Executivo Galego no que atinxe á mellora da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde. Así, o Novo CHUAC triplicará a superficie do actual, permitindo mellorar as prestacións asistenciais dos máis de 550.000 pacientes, cos que conta a Área Sanitaria da Coruña e Cee.