O aeroporto da Coruña acolleu un simulacro de accidente aéreo

1 minutes read

O simulacro levouse a cabo co obxectivo de analizar a coordinación dos distintos colectivos que actuarían ante unha emerxencia aeronáutica. Así, comprobouse a actuación dos medios materiais e humanos dispoñibles e os procedementos de emerxencia do aeroporto. O simulacro permite tamén ensaiar a activación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no nivel 2 e das salas de ilesos e feridos leves ou a efectividade do plan de autoprotección e os plans dos organismos implicados.

O exercicio simulou o accidente dun avión que, cando ía aterrar procedente de Madrid, sufriu un fallo de orixe descoñecido no tren de aterraxe, o que provocou que posteriormente saíse da pista e se incendiase no recinto aeroportuario. O simulacro artellouse ao redor de que aeronave sinistrada levase 4.000 litros de combustible e 18 ocupantes, entre os 15 pasaxeiros e 3 membros da tripulación, rexistrándose 4 persoas falecidas, 5 feridas moi graves e outras 3 graves.

Ante unha situación destas características e seguindo os protocolos, mobilizáronse os medios propios do aeroporto a través do seu plan de autoprotección, declarando a emerxencia aeronáutica; e, por parte da Xunta, activouse o Plan territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel 2, que estivo dirixido in situ polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva desde o Posto de Mando Principal (PMP). Ademais do punto de reunión ao que acceden os efectivos mobilizados segundo as indicacións do PMP e do Posto de Mando Avanzado (PMA), tamén se habilitaron as salas de crise, de familiares, de ilesos e de feridos leves. 

Así, o  aeroporto activou o seu plan de emerxencia interior, mobilizou os seus propios medios, e informou á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.