Inaugurada a III xornada de Turismo da Costa da Morte

2 minutes read

Alcaldes, alcaldesas, profesionais do sector, representantes de colectivos, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, en total unhas 150 persoas participaron este martes en Laxe na inauguración da III xornada de Turismo da Costa da Morte. Os intervintes coincidiron en destacar o gran potencial da zona no sector turístico, tal e como salientou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Destacou o papel da Costa da Morte no modelo turístico galego para poñer en valor, “á súa capacidade por consolidar e ampliar a oferta turística e contribuir ao desenvolvemento económico e social deste territorio diversificando a oferta galega”. Referiuse, por unha banda, á colaboración continuada a través das axudas ao xeodestino que, nos últimos anos supuxo un investimento autonómico superior aos 300.000 euros “cos que os xestores do destino avanzaron na sustentabilidade, formación e planificación do turismo na Costa da Morte, con accións transversais”.

O director de Turismo de Galicia referiuse tamén ao Plan de Sostiblidade Turística Os Fogóns de Anllóns cun investimento de 1,5 M€, unha das 13 estratexias turísticas en destino xestionadas por distintas entidades e incluídas no Plan Territorial Enoastronómico, deseñado pola Xunta de Galicia con fondos europeos Next Generation.

Autoridades e representantes do sector.

O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou a sustentabilidade e calidade da Costa da Morte, “un destino moi competitivo no esceario mundial do turismo”, sinalou. Regueira fixo tamén referencia á unión do sector na comarca. “O gran éxito do turismo pasa pola colaboración e a cooperación”. O vicepresidente nomeou os 5 plans de sustentabilidade turística da provincia, un deles na Costa da Morte. “Dende a Deputación, imos colaborar cos xeodestinos da provincia, a través de liñas que permitan manter a calidade e a competitividade, que van saír no primeiro trimestre”, relatou. “A Costa da Morte recibe cada ano en torno aos 300.000€ que lle permiten apostar pola sustentabilidade e a innovación”. Falou tamén da importancia da intelixencia de datos, “para analizar e profesionalizar o sector, e marcar estratexias para o futuro”, e da intelixencia artificial. “Debemos estar preparados para afrontar con fortaleza os novos retos e aproveitar as vantaxes das novas ferramentas”.