Vimianzo convoca dúas campañas para estimular as compras de proximidade

1 minutes read

O Comercio de Vimianzo convoca un ano máis as campañas para estimular as compras de proximidade baixo a denominación de ‘Mercalume’ e ‘Mercabolas’, que estarán activas ata o 6 e 7 de xaneiro respectivamente.

Poderán participar todas as persoas que merquen nos establecementos adheridos e, no que respecta á primeira, deberanse xuntar 5 cuños nos establecementos participantes para entrar no gran sorteo de 3.600 euros, que se realizará no Recuncho Gastronómico o día 7 de xaneiro. Os premios repartiranse en catro de 500€, dous de 250€, dez de 100€ e dous de 50€.  O troco de vales poderá facerse efectivo entre o 8 e o 31 de xaneiro.

No que respecta á campaña ‘Mercabolas’, as persoas que compren nos comercios participantes na mesma recibirán un tíquet-bola que deberán trocar por un bono no ‘bombo’ de Nadal, situado na praza do Concello ata o 7 de xaneiro, de 18:00 a 20:00 horas. Os xoves de Feira, incluído o 14 de decembro, estará tamén dispoñible de 12:00 a 13:30 horas.

Promo Mercabolas.

Os premios inclúen tanto bonos descontos, como por exemplo a rebaixa do IVE na compra ou o 20% na seguinte, como regalos directos: un televisor, aspirador, fritidora de aire…

O Comercio e Hostalaría de Vimianzo, e resto de entidades comerciais, coa colaboración do Concello de Vimianzo, poñen en marcha estas dúas campañas co obxectivo de dinamizar as compras no comercio local nun dos momentos de maior actividade do ano. Presentaron a campaña o pasado 2 de decembro Rocío Santos, do Comercio de Vimianzo, e a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

Pódense consultar todos os establecementos adheridos na web municipal ou na cartelería propia.

Promo Mercalume.