O Conservatorio Profesional de Música (CMUS) aproveita o Nadal para iniciar unha xira que o levará ao longo do curso por distintas parroquias. Retoma a ruta iniciada a principios do 2020, coincidindo co 30º aniversario do Conservatorio, e que quedou interrompida pola pandemia. De feito, no 2020 só puideron celebrarse dous concertos, en Sofán e Verdillo. Tres anos despois recuperan aquela iniciativa achegándose ás parroquias que quedaron pendentes e a algunhas máis.
O programa CMUS en Ruta arrincará este venres 22 na parroquia de Cances. Ás 20.00 horas actuará no centro social nin máis nin menos que a Big Band. A agrupación, dirixida por Javier Bardanca, ofrecerá un repertorio variado e animado, con temas clásicos, bandas sonoras e composicións actuais.
As seguintes paradas serán en Entrecruces (xaneiro), Lema (febreiro), Oza (marzo), Sísamo (abril), Ardaña e Imende (maio). En cada centro social actuarán diferentes agrupacións, en función da capacidade e das características dos edificios. Deste xeito, poderemos escoitar grupos de cámara e de corda, conxuntos de vento madeira e vento metal e tamén á Banda Infantil do CMUS. Calidade e variedade para que, se che gusta a música, poidas acompañalos neste percorrido polo territorio carballés. Todos os concertos, agás o deste venres en Cances, comezarán ás 19.00 horas.
CMUS en Ruta, organizado polo Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, conta coa colaboración das asociacións San Campio de Cances, San Xens de Entrecruces, Ría de Lema, Escola do Alprende de Oza, Santiago Apóstol de Sísamo e Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos.