O goberno local da Laracha presentoulle á Corporación municipal na Comisión Informativa que se celebrou este martes as contas públicas antes de elevalas para a súa votación e, de ser o caso, aprobación, ao Pleno extraordinario deste venres 29 de decembro.
Segundo a información municipal, o proxecto de presupostos está equilibrado en gastos e ingresos. Alcanza a cifra de 10.970.000 euros, o que representa un incremento do 11,37 % con respecto ao exercicio anterior. Dito aumento fundaméntase, principalmente, na previsión de maior participación nos ingresos do Estado e en programas de axudas doutras administracións para o financiamento de actuacións de mellora de infraestruturas municipais e programas de promoción do emprego, entre outras iniciativas.
A proposta do grupo de goberno susténtase sobre os piares do benestar social e do esforzo investidor, definindo as que serán as liñas estratéxicas da xestión municipal para o próximo exercicio axustadas á realidade económica e financeira do Concello.
O BNG votará en contra duns orzamentos que, segundo afirman, incrementan nun 15% o custe do Goberno municipal e prevén un aumento de recadación pola suba de impostos aprobada polo PP.
O grupo municipal do BNG fai unha valoración negativa, e por tanto votará en contra, dos orzamentos presentados polo Goberno do Partido Popular no concello da Laracha polos seguintes motivos:
En primeiro lugar, en canto ao capítulo de ingresos afirman que hai un incremento dun 11,37%, o que supón 1.120.000 euros máis que, como así tamén o reflexa a propia memoria da Alcaldía, vén dada en boa parte polo aumento da recadación prevista nos impostos directos (Imposto sobre Bens Inmobles, Imposto Actividades Económicas e Imposto sobre vehículos de tracción mecánica) así como na Taxa de Recollida de Lixo, as cales foron aprobadas en pleno, esta última co voto en contra do Bloque por considerar que recollía unha suba demasiado elevada.
“Tamén, lembramos, nos abstivemos na implantación do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, coñecido comunmente por “Plusvalía”, xa que nos parecía excesiva a porcentaxe a aplicar proposta polo Goberno Municipal”.
No apartado de gastos atopámonos coa principal razón da negativa nacionalista a apoiar este Orzamento Xeral que se presenta: Nada menos que o incremento de uns 30000 euros só en soldos dos cargos con adicación exclusiva. Podemos facer a comparativa porcentual para ver de xeito claro que o aumento destes soldos está, con un 15% de incremento, moi por riba da suba do resto de traballadores, que é do 2%.
Así mesmo, dende o BNG valoran negativamente que no apartado de investimentos non se contemple a adquisición de terreos que nun futuro próximo se precisen para aumentar as instalacións educativas que dean servizo o IES Agra de Leborís. Se, como dí o Goberno Municipal, é certo que pretenden implantar Ciclos Formativos e en vista da previsión de aumento do número de alumnado en xeral de secundaria (o cal por certo, xa está a padecer un grave problema de falta de espazo), deberíase xa prever aumentar o terreo dispoñible. Ao noso parecer esto indica unha falta de compromiso cos problemas que denuncia a comunidade educativa da Laracha e un xeito de actuar de “improvisación” por parte deste Goberno, matizan.
Tampouco se contempla a compra de terreos vinculados a posta en valor de elementos Patrimoniais,(Castro de Santa Baia, por exemplo) se é que se quere seguir avanzando neste ámbito, logo de adquirir os terreos do Castro de Montes Claros, o Menhir Pedra do Ghicho e as Torres de Cillobre, actuacións que foron demandas históricas do Grupo Municipal do BNG dende que teñen representación municipal fai case tres décadas.
“Dende o noso punto de vista, cargar nas costas da veciñanza nestes momentos de dificultades económicas debido á inflación unha boa parte dos custos dos servizos públicos que a administración ofrece, non nos parece axeitado. E máis aínda cando vemos que o propio grupo de goberno non aplica para si mesmo este esforzo fiscal, tendo en conta o incremento dos seus soldos”, conclúen os nacionalistas.