Trasladan a unha muller por inhalación de fume ao arder un timbre nunha vivenda de Arteixo

1 minutes read

Na vivenda residen dúas mulleres, nai e filla, tan só a nai, con problemas de mobilidade, tivo que ser trasladada sen que o seu estado revestira gravidade.

Unha chamada ao 112 Galicia por parte dun veciño, dez minutos antes das once da noite deste venres, foi o que permitiu dar aviso aos servizos de emerxencias de maneira inmediata. 

O alertador comunicaba ao 112 Galicia que no piso de fronte ao del, situado na Avenida dos Bosques, en Arteixo, ardía algo, cheiraba a queimado e víase lume por debaixo da porta. Indicaba que nese piso vivían dúas persoas, unha delas de avanzada idade, pero non abrían a porta. A partir de aí, os xestores do 112 pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arteixo, á Policía Local e aos efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil. 

Nada mais chegar, os axentes comprobaron que unha das persoas sufría síntomas de intoxicación polo fume que respirara e reclamaban asistencia sanitaria urxente para a persoa, que resultou ser a muller de avanzada idade e que estaba encamada.  

Así, tras rematar a súa intervención, os Bombeiros indicaron ao 112 Galicia que houbera un pequeno foco de incendio na casa pero que cando chegaran xa estaba apagado. A vivenda quedou toda afectada polo fume polo que procederon coas tarefas de ventilación. Segundo o relato dos profesionais de extinción, o timbre da porta foi a causa de orixe do lume. 

Así mesmo, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia confirmou o traslado dunha das  residentes ao Hospital Universitario da Coruña (CHUAC).