Carballo conmemorará este Entroido o Iº Aniversario do RE-nacemento do Chorón

1 minutes read

A Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa atópase inmersa na programación da que será a IIª edición da festa de Entroido na que se conmemorará o Iº Aniversario do RE-nacemento do Chorón.
O RE-nacemento do Chorón celebrouse, por primeira vez, o pasado ano 2023 como parodia pola retirada da mencionada árbore do atrio da capela da Milagrosa. Retirada que xerou certa polémica entre os veciños e veciñas do barrio, pois non todos estaban a favor da desaparición do mesmo.
Así, a Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa, aproveitou para tratar de sacar ferro ao asunto organizando unha xornada carnavalesca no lugar e replantando un exemplar de chorón noutro punto do barrio, o xardín do edificio do Fórum.
Dado o éxito alcanzado o pasado ano, a mencionada Asociación está a traballar a fondo para tratar de darlle continuidade no tempo ao evento e convertelo nun referente para a comarca.
De momento está confirmada a data, será o próximo día 10 de febreiro, sábado e celebrarase na mesma localización, a Rúa José Mª. Castroviejo, popularmente coñecida como A Corredoira da Asturiana.
Ademais dun amplo e variado programa musical e de exaltación do entroido, están a traballar para complementalo con outros servizos que permitan, a quen así o desexe, gozar do día e a noite sen ter que moverse da zona.
Desde a Asociación Cultural e Deportiva A Milagrosa, esperan a colaboración do Concello e veciños do barrio. Colaboración que, sabedores de como responden sempre, agradecen por adiantado.
Dende a Entidade conclúen que ao longo dos próximos días iranse pechando flocos co fin de poder presentar o programa definitivo o máis axiña posible.