Como en anos anteriores e seguindo a súa política de información da actividade que realiza, a asociación Vieiro deu a coñecer o balance correspondente ao ano 2023 do servizo de Información, Atención e Asesoramento que ofrece axuda sobre calquera aspecto relacionado con problemas derivados do consumo de substancias e outras condutas adictivas e o seu tratamento. Os datos proporcionan información relevante sobre o número de persoas atendidas, o motivo da demanda, o perfil xeral, substancia de consumo, centro de derivación e datos disgregados por sexo.
As persoas que solicitaron orientación e asesoramento pertencen aos concellos que comprenden a área xeográfica que abarca desde A Coruña a Fisterra, sendo atendidas na entidade un total de 300 demandas presenciais e telefónicas. Delas, 45 foron consultas realizadas na sede da entidade, sendo atendidos 22 homes e 23 mulleres. A través de vía telefónica atendéronse un total de 255 chamadas, das que 52 foron realizadas por homes e 203 por mulleres.
No que se refire ao motivo das consultas, destacan en primeiro lugar, as referidas á solicitude e información sobre programas de prevención, seguido en segundo lugar das demandas relacionadas coa orientación de habilidades e estratexias psicoeducativas de orientación a familias para o manexo de condutas de risco, seguidos moi de preto de as solicitudes de información sobre centros de deshabituación relacionadas sobre todo co consumo de cocaína e en menor medida, do alcol. Destas últimas demandas ao redor dun 64% foron realizadas por homes e un 36% por mulleres no que respecta á atención presencial, e un 43% de homes e 57% de mulleres na atención telefónica. Realizando a maior parte das consultas, as familias ou o/a propio/a interesado/a.
A substancia máis consumida por parte das persoas que solicitaron información foi a cocaína, cun 64% dos casos derivados, seguida do alcol cun 14% e un 9% o cánnabis. O resto das porcentaxes repártese a partes iguais entre a ludopatía e heroína.
En canto a derivación a recursos asistenciais especializados, realizáronse un total de 22, sendo case uns 86% homes e ao redor dunhas 14% mulleres que foron derivados/as na súa maioría a Proxecto Home. Tamén se derivaron algúns casos a outros centros de rehabilitación, como, UCA, Agalure e Grupo Noroeste.