O proceso de reforma das instalacións da Base de Unidade Operativa (BUO) de Dumbría vén de rematar cunha actuación, enmarcada no Plan de mellora das infraestruturas da Consellería do Medio Rural do período 2021-2026, para a que se destinou un orzamento total de 70.332,941 euros. Os gastos foron financiados na súa totalidade a través de fondos Feder React, como resposta da Unión Europea á pandemia da covid19.
As melloras consistiron esencialmente no acondicionamento de vestiarios, duchas, zonas de descanso, almacéns para material e instrumental de traballos, ademais dos recintos para gardar os vehículos.
A edificación, localizada no concello de Dumbría, é o punto de encontro do persoal das brigadas forestais. Con estas melloras, preténdese favorecer a conciliación entre descanso e traballo dos bombeiros e axentes.