Carballo | Celebrado o consello parroquial de Noicela-Rebordelos, o primeiro de 2024

1 minutes read

No acto estiveron presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro Xosé Regueira, en calidade de vicepresidente da Deputación da Coruña. Neste último caso, para informar sobre as xestións para a mellora da vía de acceso á Pedra do Sal, que é prioridade das dúas parroquias.

En Noicela a veciñanza continúa coas xestións para intentar conseguir un terreo para habilitar un aparcadoiro na contorna da igrexa, co sistema de financiamento ao 50% entre os/as veciños/as e o concello. Na xuntanza tamén se concretou o emprazamento para un parque infantil en Imende e solicitouse a mellora do existente no Rapadoiro. En Rebordelos tamén se apuntaron algunhas necesidades relacionadas, sobre todo, coa rede viaria.

Regueira repasou as xestións realizadas ata o momento para a mellora da vía de acceso á Pedra do Sal e anunciou que para este ano está previsto acometer, dentro do plan de conservación da rede viaria provincial, a mellora do firme. Esta actuación podería ser máis ampla sempre e cando as persoas titulares dos terreos realizasen as cesións necesarias, pero dado que esta opción quedou desbotada tras numerosos intentos que non frutificaron, por parte da Deputación e do Concello de Carballo existe a determinación de expropiar o solo. O vicepresidente provincial apuntou que o proceso leva o seu tempo e que, como moi pronto, os trámites para a ampliación da estrada e a mellora da seguridade peonil mediante a construción dunha senda poderían empezar cara finais de ano, polo que, no mellor dos escenarios posibles, a vía podería estar en obras no 2025.

A veciñanza agradeceu as explicacións, e tanto Xosé Regueira coma o alcalde, Evencio Ferrero, reiteraron a coincidencia coa veciñanza na necesidade da obra.