O Concello de Vimianzo confirma que as analíticas realizadas na rede de auga de Vimianzo, Calo e Carantoña deron resultados favorables. Tras os malos olores rexistrados esta fin de semana, realizáronse as análises de laboratorio de mostras recollidas en varios domicilios e no propio depósito.
As primeiras probas foron realizadas o venres, 12 de xaneiro, sendo favorables. Ao día seguinte, sábado 13 de xaneiro, volveron tomarse novas mostras para comprobar os resultados obtidos nunha primeira instancia. Tras o seu estudo, detectouse que non existía ningún risco sanitario e que todos os parámetros avaliados se atopan dentro da normalidade.
Este domingo, os olores provocados polos labores de mantemento e optimización realizados nesta rede comezaron xa a desaparecer en Vimianzo, polo que se agarda que continúe así nos demais lugares nas vindeiras horas.
“Desde o goberno local poñémonos a disposición da veciñanza para resolver calquera dúbida ou realizar calquera análise”, asegurou a alcaldesa, Mónica Rodríguez.
A rexedora subliñou que “sempre se farán as medicións pertinentes, comprobando que a calidade da auga sexa óptima, porque o primordial para nós é a saúde da nosa veciñanza”, concluíu.