O Concello de Cabana de Bergantiños xunto coa ACD Cormoráns e o Grupo Naturalista Hábitat promoveu unha xornada destinada á limpeza de praias do municipio.
Nela participaron decenas de persoas voluntarias que desenvolveron tarefas de limpeza e recollida de residuos nos areais de Rebordelo e San Pedro. Entre os materiais retirados dos ecosistemas mariños atopáronse numerosos pellets, así como outros residuos plásticos e demais lixo.
Desde o goberno local trasladan o seu agradecemento tanto ao GN Hábitat como á ACD Cormoráns pola promoción dunha xornada “cunha enorme repercusión para o coidado do patrimonio natural cabanés”. Igualmente, trasladaron o seu agradecemento a todas as persoas que destinaron o seu tempo libre para sumar esforzos para que Cabana poida seguir gozando dun litoral “san e repleto de vida”.