Financiado con fondos da Deputación da Coruña destinados a potenciar a estratexia turística do territorio, o Pazo de Goiáns acolleu a estrea do documental “Voces da Conserva”, da Mancomunidade Barbanza Arousa. O vicepresidente do ente provincial, Xosé Regueira, destacou o potencial da conserva como recurso turístico, ao tratarse dunha “industria con moita historia e identidade, que é patrimonio, cultura e marca país e que debemos potenciar con orgullo”.
Esta peza audiovisual enmárcase na campaña turística da Mancomunidade Barbanza Arousa e promove a concienciación e sensibilización sobre a importancia histórica da conserva e as fábricas de salgadura a través do seu patrimonio material e inmaterial. Esta será a aposta da Mancomunidade en Fitur, que exhibirá a súa identidade conserveira como reclamo turístico de máximo nivel.