Convenio de colaboración entre Cultura e a Fundación Fernando Blanco de Cee

2 minutes read

Vén de asinarse entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Fundación Fernando Blanco de Lema de Cee un convenio que regula unha subvención nominativa para distintas obras de mantemento e conservación do Museo Fernando Blanco, ubicado no nº 25 da Praza da Constitución sobre a que foi sede da antiga Escola das Nenas da entidade ceense.
Dita axuda, que ascende á cantidade de 37.152,55 €, financia o 100 % dos custes das actuacións solicitadas no seu momento pola Fundación, incluíndo ademais das obras previstas, o importe da licenza municipal e da memoria elaborada por un técnico.
As obras a realizar consistirán na limpeza da cuberta, substitución de pezas rotas e selado do patio de luces, limpeza, impermeabilización e selado de caleiros, limpeza e rexuntado da cornixa exterior, vernizado da carpintería exterior de ventás e portas, así como o pintado interior e exterior do Museo na súa totalidade.
Trátanse de obras de conservación e mantemento de necesidade imperiosa que, por un lado están a afectar á conservación do propio edificio así como, indubidablemente tamén, á súa estética. As filtracións de auga, a substitución das tellas en mal estado, os descascados, a formación de fungos, o deterioro producido polas inclemencias climatolóxicas ou polo do tempo fan mais que urxentes ditas actuacións.
Dado que o edificio está incluído no catálogo das Normas Subsidiarias do Concello de Cee como ben catalogado e protexido, antes do inicio das pertinentes obras a Fundación deberá solicitar permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (co que xa conta) e solicitar a pertinente licenza de obras propio Concello.
Na visita de Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao Museo Fernando Blanco en abril de 2023, e na reunión mantida en Santiago entre os integrantes do Padroado da Fundación e Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura, en maio do pasado ano, déuselles traslado da urxencia de acometer ditas actuacións e da imposibilidade de abordalas cos medios dos que dispón a entidade.

Polo tanto, queremos agradecer a súa comprensión que se materializa coa sinatura deste convenio de colaboración, así como tamén as xestións realizadas polo voceiro do Partido Popular de Cee, Jesús Picallo e do seu equipo, que tan pronto foron coñecedores da nosa solicitude non dubidaron en prestarnos a súa inestimable predisposición para que esta axuda fose unha realidade.