Falece un home e dúas mulleres resultan feridas nun accidente de tráfico en Tordoia

1 minutes read

Un home morreu e dúas mulleres resultaron feridas nunha colisión entre dous coches e un camión que tivo lugar este sábado no Concello de Tordoia. Preto das sete da tarde foi cando un particular chamou ao 112 para alertar do sinistro ocorrido no quilómetro 33,5 da AC-400, no lugar de Andoio.

Nun dos turismos viaxaban dúas persoas, entre elas o home falecido, que necesitou ser excarcerado polos bombeiros. Neste vehículo ía tamén unha muller que resultou ferida de gravidade, polo que tivo que ser trasladada polos servizos sanitarios. O condutor do camión resultou ileso. 

Segundo as primeiras investigacións, un condutor que estaba a realizar unha manobra de adiantamento chocou frontalmente contra o camión de forma tan violenta que saíu despedido varios metros ata impactar contra outro coche que circulaba pola vía e que estaba conducido por unha veciña de Calvos, pertencente a parroquia carballesa de Rus, quen aínda que o seu estado non parecía revestir gravidade, tamén foi evacuada polos servizos sanitarios.

Os xestores do 112 puxeron en marcha un dispositivo de intervención formado polo Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Ordes, Garda Civil de Tráfico, Policía Local e persoal do Servizo de mantemento da estrada.