Carballo leva aprobadas 18 licenzas urbanísticas no que vai de ano

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local leva aprobadas este ano un total de 18 licenzas urbanísticas, tres delas directamente relacionadas coa actividade económica. Na sesión do 29 de xaneiro saíu adiante a autorización para a construción de dúas naves no parque empresarial de Bértoa para destinalas a carpintería metálica e mecanizado de pezas de aluminio, e este mesmo luns recibiu luz verde o proxecto de construción dun campamento de turismo no lugar das Saíñas (Noicela).

Desde o ano 2020 foron tramitadas pola Oficina Técnica Municipal máis dunha ducia de licenzas para a construción de establecementos de hostalaría e turismo na zona costeira, reflexo do enorme potencial que ten o litoral carballés. Neste caso, o proxecto presentado, que suporá un investimento de máis de 450.000 euros, prevé a execución dun campamento de turismo formado por 10 módulos estables e unha zona de acampada con 20 prazas, ademais dunha edificación con recepción, cafetería, aseo e almacén, e outra auxiliar para servizos, piscina e 10 prazas de aparcadoiro.

A parcela ocupa unha superficie total de 9.900 metros cadrados, e o proxecto conta coas autorizacións preceptivas de distintos departamentos autonómicos así como con informe previo de Turismo de Galicia para a instalación dun campamento de turismo de tres estrelas.

No que vai de ano tamén foron aprobadas 3 licenzas para reformas en edificios coa finalidade de instalar ascensores e outras tantas para a construción de vivendas unifamiliares en Carballo (2) e Razo, e 3 tamén para instalacións eléctricas.