Un bombardeo israelí en Rafah causaba, esta fin de semana, decenas de mortos, entre eles, uns xemelgos de catro meses. Mentres tanto, unha delegación de Hamás chegou á capital de Exipto para participar en conversacións co fin de lograr un cesamento do fogo cun acordo “sobre a mesa”.
O Observatorio Euromediterráneo de Dereitos Humanos confirmou que tanques israelís atropelaron deliberadamente a decenas de palestinos na Franxa de Gaza. A organización, con sede en Xenebra, documentou que o Exército israelí matou o 29 de febreiro a un palestino que foi atropelado tamén deliberadamente no barrio de Zeitoun, na cidade de Gaza, tras detelo e atarlle as mans con esposas de plástico.
Outro incidente documentado tivo lugar o 23 de xaneiro, cando un tanque israelí atropelou a unha familia que durmía nunha caravana de refuxio na zona de Taiba Towers, en Jan Yunis, causando a morte dun home e a súa filla maior, e feridas aos seus tres fillos restantes e á súa esposa.
Polo menos 30.410 persoas morreron e 71.700 resultaron feridas en ataques israelís en Gaza desde o pasado 7 de outubro. A cifra revisada de mortos en Israel polos ataques de Hamás da mesma data ascende a 1.139.