O Concello de Santa Comba vén de solicitar varias reunións coa Xunta de Galicia e coa Conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, para instar á administración autonómica a un incremento da financiación do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que neste momento está a ser insuficiente para dar cobertura ao custo do servizo para o Concello. Dende a corporación, consideran que este servizo se trata dunha competencia que a Xunta traslada ós concellos e creen que dende fai anos afoga fundamentalmente ós concellos máis pequenos.
O custe do servizo é cada vez máis elevado, xa que o prezo por hora foise incrementando co paso do tempo e a Xunta só asume unha parte do financiamento, incrementando a súa aportación dos 9,7€/h a 12 €/h, tras un acordo coa FEGAMP en 2021.
Dende o Concello afirman que urxe unha solución, xa que a situación é inasumible. No 2023, o custo para o Concello de Santa Comba superou os 800.000€ e comprometendo un 13,7% do presuposto de persoal, que resulta insuficiente, tendo que recurrir a unha empresa externa. Unhas cifras que só van en aumento e que trasladan este problema estructural e de financiación ós municipios. A Xunta debe dar resposta con inmediatez para que se poida dar resposta ás listas de espera do servizo, conclúen.