O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Arteivo, Carlos Calvelo, realizou unha visita este venres ás obras de urbanización da fase C do parque empresarial de Morás, en Arteixo. En concreto, esta terceira fase está pensada para ofrecer parcelas máis pequenas, de maneira que non só as empresas con maior capacidade poidan gozar de todas as vantaxes que ofrece este espazo.
Para Rueda, a creación de chan industrial en polígonos como Morás “é un magnífico síntoma, xa que se hai que facer chan industrial é que se necesita, e polo tanto esa Galicia potente que queremos facer entre todos sigue medrando.” Nesta mesma liña, subliñou que “unha comunidade que non ten industria, que non fai o posible por seguir crecendo, o que vai facer é retroceder”.
Neste sentido, o titular do Executivo autonómico en funcións asegurou que se seguirán a desenvolver actuacións que permitan ter planificados e con posibilidade de estar dispoñibles 8 millóns de metros cadrados de chan empresarial en 2028, “primando aqueles lugares onde é necesario para seguir crecendo”. Ademais, lembrou que o solo público empresarial da Xunta será a custo cero durante os primeiros oitos anos de actividade.