O DOG publica as bonificacións en horario nocturno na peaxe da autoestrada Coruña-Carballo

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este martes no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se regula a bonificación da peaxe das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). Trátase dunha nova bonificación nocturna para as peaxes das dúas autoestradas autonómicas, que será de aplicación a partir do próximo día 1 de outubro en todos os traxectos que discorran polas mesmas entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.

A publicación no DOG do decreto de aprobación dunha addenda ao convenio de colaboración existente entre a Xunta e Autoestradas de Galicia, que regula as subvencións das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57, permite manter as bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e vese agora mellorado coas bonificacións en horario nocturno.

Segundo o previsto polo departamento de Infraestruturas da Xunta, a partir do 1 de outubro de 2019 implantarase esta nova bonificación, neste caso do 50% en horario nocturno, entre as 0:00 e as 6:00 horas de mañá, que se aplicará a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.