O Entroido de Carballo xa conta con 700 participantes

1 minutes read
  • Os grupos e os disfraces individuais aínda poderán anotarse este domingo, de 16.00 a 17.00 horas, diante da Casa do Concello

Este domingo Carballo celebrará o seu emblemático Entroido cun dos desfiles con máis tradición da comarca. Polo de agora xa son case 700 os participantes anotados que se reparten entre 17 comparsas e 8 carrozas. Os grupos e os disfraces individuais aínda poderán anotarse mañá, de 16.00 a 17.00 horas, diante da Casa do Concello.

Ademais de espectáculo, tamén estarán servidas a diversión e a animación, xa a regueifeira Lupe Blanco será a presentadora e a charanga Era Visto encargarase de que a música non falte en ningún momento da tarde.

Este ano o concello repartirá 8.215 euros en premios, dos cales 4.000 destinaranse ás gratificacións por participación para fomentar esta última.

A organización do certame recae na Concellaría de Cultura, que conta coa colaboración de Protección Civil, Policía Local, Brigada Municipal de Obras e Aspaber-UTE servizo de limpeza. O xurado estará integrado por representantes do Concello de Carballo e do movemento asociativo do municipio.

Os participantes realizarán un percorrido polas rúas da contorna da Praza do Concello e unha vez rematado o desfile será a quenda do baile de disfraces, patrocinado pola concellería de Terceira Idade, coa orquestra Trébol.