Ánxeles Vázquez analizará o estudo de viabilidade do futuro polígono de Coristanco

1 minutes read

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a analizar o estudo de viabilidade para o desenvolvemento do Parque Empresarial de Coristanco. Así o confirmou este sábado Ánxeles Vázquez, acompañada polo rexedor, Juan García Pose, durante a visita que a conselleira realizou ao municipio.
O proxecto, achegado polo alcalde nunha reunión coa conselleira, acredita a idoneidade dunha determinada localización e se establece unha ordenación para minimizar calquera posible efecto na contorna.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo será agora o departamento encargado de emitir o informe sobre a idoneidade deste novo equipamento, polo que está a estudar a documentación presentada polo concello, e iniciará as consultas necesarias aos organismos oportunos.
O ámbito de actuación, informou, García Pose, ten unha superficie de 174.628 metros cadrados e sitúase no extremo leste do concello de Coristanco, nun punto intermedio entre a capital do concello (San Roque) e a vila de Carballo, das que dista 2 Km pola estrada AC-552.
Vázquez aproveitou tamén o encontro para destacar a importancia de acometer actuacións de acondicionamento na contorna do refuxio de Verdes, co fin de impulsar o turismo sostible.