A Concellaría de Igualdade trata de implicar a toda a poboación na loita contra a violencia de xénero e as desigualdades, e unha das accións encamiñadas a seguir avanzando na sensibilización pero tamén na participación social é o I Maratón fotográfico “Enfócate cara a igualdade”, que se celebrará o día 15 e co que lanzamos un reto tanto á infancia como á mocidade e á poboación adulta para que saian ás rúas a retratar as desigualdades. “A través da mirada das persoas participantes pretendemos promover unha concienciación sobre as desigualdades de xénero e a necesidade de que o conxunto da sociedade se implique para a visibilización dunha problemática social como é violencia de xénero”, explica a concelleira Maica Ures. Hai tres categorías: infantil, ata os 13 anos; xuvenil, de 14 a 20, e sénior, a partir dos 20. E tamén hai catro premios, un por categoría e un cuarto especial para un veciño/a de Carballo. O premio para adultos consistirá en 500 euros en metálico e os demais, en vales de 100 ou 150 euros para gastar no comercio local.
