Máis dun cento de alumnos e alumnas do Colexio Plurilingüe Manuela Rial Mouzo de Cee protagonizan un emotivo vídeo en catro idiomas para agradecer o labor dos distintos colectivos sociais e animar á xente a seguir nas súas casas durante este período de confinamento.
O director do centro, Jesús Sánchez, agradece á súa vez o gran esforzo e implicación do alumnado, profesorado e das familias nesta iniciativa solidaria, asegurando estar “moi orgulloso desta gran familia que é a comunidade educativa do Manuela Rial Mouzo”. Sánchez engade que confía en que a iniciativa “supoña unha inxección de moral a nivel xeral para estes duros momentos polos que está pasando toda a sociedade.”
Confinados, pero máis unidos que nunca
A solidaria iniciativa, que supuxo un gran esforzo de coordinación e todo un despregamento de inxenio por parte dos seus protagonistas, ten como fondo musical “We are the World”, canción que, como explica o responsable do centro, “foi escollida por ser un canto á solidariedade e á esperanza e no convencemento de que os rapaces son a semente dunha sociedade mellor e máis xusta.”
