Ferrol unificará nunha web todos os establecementos que estarán abertos durante o confinamento

1 minutes read
  • A web informará, en primeiro lugar, dos establecementos que permanecen abertos ou ofrecen entrega a domicilio

O Concello de Ferrol está a traballar na posta en marcha dun directorio de empresas que permanecen abertas na cidade durante o estado de alarma motivado pola crise do COVID-19. Trátase dunha iniciativa que o alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, trataron o pasado 6 de abril cos representantes das asociacións de comerciantes nunha reunión telemática. Servirá, a curto prazo, para proporcionar á cidadanía datos actualizados sobre os medios de contacto e os servizos que ofrecen os establecementos, como o reparto de produtos a domicilio, facilitando deste xeito a realización das compras nestes días de confinamento.

Para elaborar a base de datos, o Concello acaba de poñer a disposición dos negocios no taboleiro de anuncios da súa páxina web (www.ferrol.gal) un formulario que deben cubrir con información sobre o tipo de produtos ou servizos que ofrecen, se os locais permanecen abertos, o horario de atención ao público, a posibilidade de efectuar compras a domicilio e as condicións deste servizo, entre outras. Tamén deberán indicar como se pode realizar un pedido nas súas tendas, facilitando datos como a súa páxina web, o seu teléfono de contacto, o seu número de WhatsApp ou o seu perfil de Facebook.

Toda esta información que se recolla estará accesible proximamente para a cidadanía e servirá de base para crear unha aplicación de venta on-line para os negocios locais. A intención é que esta app teña un funcionamento similar ao de calquera das plataformas de comercio electrónico que funcionan na actualidade.