Sanidade establece medidas restrictivas en Laxe

1 minutes read

A Consellería e Sanidade, decidiu esta establecer medidas restritivas no concello de Laxe, logo da reunión do Subcómite clínico de expertos que se encarga de revisar a situación epidemiolóxica en Galicia.

Entre as medidas que se terán que adoptar destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Estas medidas foron publicadas no DOG e entraron en vigor este sábado ás 00:00 horas. A posible ampliación ou redución deste conxunto de medidas será revisado no prazo máximo dunha semana.

Cómpre destacar que, no caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para esta fin de semana.

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, procura agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.