O 112 Galicia tivo coñecemento este luns de dous atropelos na cidade da Coruña. O primeiro produciuse pouco despois das nove da mañá, cando un vehículo alcanzou un peón á altura dun paso habilitado na Rúa de San Leandro. Co fin de ofrecer asistencia médica, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Máis tarde, despois das dez da mañá, tiveron que acudir á Rúa Padre Feijoó para atender a unha muller e un menor, que foron atropelados por un vehículo. Así o indicou unha persoa particular que chamou ao 112 Galicia para dar conta do que pasaba. Ademais, insistiu na necesidade de asistencia sanitaria urxente debido ás lesións que presentaba a señora.