- O Concello conta cunha subvención do Agader por importe de 50.000 euros para a execución do proxecto
A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na súa última xuntanza o inicio do expediente de contratación da primeira fase do proxecto de reforma do Mercado Municipal (cun índice de ocupación do 50%), consecuencia do estudo elaborado o ano pasado coa finalidade de revitalizar a tradicional praza de abastos e buscar usos alternativos de cara ás novas concesións, pois a maioría das existentes están caducadas.
O proxecto completo, que acada os 305.000 euros e conta cunha subvención do Agader de 50.000 euros, dará resposta ás demandas dos actuais concesionarios sobre redistribución dos postos, cambio do pavimento da sala de vendas ou reorganización dos almacéns do semisoto para darlles acceso directo dende o garaxe facilitando así o seu uso. Así mesmo, durante a primeira fase da reforma tamén se procederá á reordenación dos postos exteriores para crear novos servizos, como a sala de conserxería, de lactancia de formación.
Na segunda fase, que non está incluída no contrato actual, instalaríase un ascensor panorámico de 12 prazas para facilitar o acceso dende a Praza do Concello e modificaríase a escaleira.
Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou facturas por un importe de 39.399,02 euros e sete licenzas urbanísticas, entre elas unha para a construción dunha nave industrial destinada a panadaría e pastelaría no polígono de Bértoa.
Fóra da orde do día saíu adiante un convenio de colaboración entre o Concello e Cáritas Parroquial de Carballo para o mantemento do centro de día Fogar de Bergantiños, situado en Berdillo, cunha partida de 15.000 euros procedente das arcas municipais.