Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada na Laracha foi aprobado con carácter inicial o expediente de expropiación dos terreos afectados pola primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo.
O Concello investirá 43.7078,96 euros na adquisición dos 2.696 metros cadrados de superficie –repartidos en catorce parcelas- que están afectados polo proxecto de mellora dos accesos cara o centro de ensino. Continuando cos trámites administrativos, o acordo da Xunta de Goberno Local será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación. Así mesmo, notificarase aos propietarios dos terreos e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.
Unha vez rematado o procedemento de expropiación, o Concello estará en disposición de iniciar a contratación do proxecto das obras que mellorará os accesos cara o colexio e reforzará a seguridade viaria. Consiste na ampliación da estrada entre Bos Aires e As Calzadas e dá continuidade á mellora xa realizada entre O Pereiro e As Calzadas. O ancheamento da vía permitirá dispoñer de máis espazo para facilitar a circulación en ambos sentidos –especialmente importante para os autobuses do transporte escolar-, habilitar prazas de estacionamento e crear unha senda peonil para reforzar a seguridade tamén das persoas que acoden a pé ao centro de ensino e ás súas inmediacións.
O proxecto está valorado en 245.000 euros, que xa están consignados polo Concello da Laracha no orzamento e que proceden integramente de fondos propios municipais.