Os novos límites de velocidade reducirán nun 30% o nivel de iluminación da Coruña

1 minutes read
  • O Concello iniciará os traballos de mellora da iluminación na zona de Canteira de Eirís e da rolda de Outeiro

Na Semana Europea da Mobilidade, o Concello da Coruña puxo en marcha actuacións para modernizar a rede de iluminación que permiten combinar aforro, eficiencia enerxética e redución de emisións de CO2. Esta iniciativa vese reforzada pola implantación da Coruña 30, que permitirá reducir nun 30% o nivel de iluminación da cidade.

A Área de Infraestruturas traballa para explotar a rede de iluminación e modernizala baixo criterios de sustentabilidade, asumindo os principios da iniciativa Slowlight á que a cidade se adheriu en xullo, e adoptando medidas case imperceptibles para a cidadanía pero que supoñen un aforro para as arcas municipais de máis de 200.000 euros. Neste sentido, o Plan de apagados selectivos realizado durante as restricións de mobilidade asociadas á Covid-19 supuxo un aforro de 68.000 euros.

Ademais, os autómatas de control de acceso e apagado dos cadros de iluminación da cidade corrixíronse entre 8 e 12 minutos en orto e en ocaso astronómico, cun impacto na factura eléctrica de 75.000 euros; e tamén se desconectaron iluminacións ornamentais altamente contaminantes, cun aforro de 75.000 euros.

Máis medidas O Concello dispón dun mapa luminoso actualizado, unha ferramenta potente para tomar decisións en distintos ámbitos como por exemplo calcular as necesidades de iluminación da cidade ante unha diminución da velocidade do tráfico a 30Km/ h, ou estudar as necesidades de iluminación en pasos peonís que non dispoñen de semáforos.