A Xunta Local de Seguridade de Carballo aproba dous acordos para combater a violencia machista

1 minutes read
  • Na reunión tamén se constatou un descenso da delincuencia e das infraccións de tráfico

A Xunta Local de Seguridade de Carballo adoptou este xoves varios acordos orientados a combater a violencia machista. En concreto foron dous: a renovación do convenio entre o Ministerio do Interior e o Concello para a incorporación da Policía Local ao sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Viogén), e a modificación do protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia machista.

Durante a xuntanza, abordáronse os recentes actos vandálicos na zona urbana pero aínda así, os representantes dos distintos corpos e forzas de seguridade constataron un importante descenso da delincuencia con respecto ao ano pasado. De feito, a Garda Civil cualificou como bos os datos relativos a infraccións e delitos.

No relativo á seguridade viaria destaca especialmente o descenso de sinistros na zona urbana, producíndose entre xaneiro e setembro 191 accidentes de tráfico, 131 menos que no mesmo período o ano anterior debido, fundamentalmente, ao confinamento durante o primeiro estado de alarma. Por este mesmo motivo tamén se viron reducidas as denuncias por infraccións de tráfico.