A Laracha | Mellorada, reorganizada e sinalizada a área de aparcamento de Erboedo

1 minutes read

O Concello da Laracha está a desenvolver un amplo proxecto que inclúe a pintura da sinalización horizontal en diversidade de puntos da rede viaria e das prazas de estacionamento en espazos públicos que son empregados como áreas de aparcamento de vehículos.

A intervención máis ampla realizouse en Erboedo, na explanada de titularidade municipal situada nas inmediacións do Igrexario e xunto ao centro sociocultural desa parroquia. O ámbito –que tamén é empregado como campo da festa- é o lugar onde estacionan os vehículos especialmente durante as xornadas nas que se ofician actos relixiosos na igrexa parroquial de Santa María de Erboedo.

O marcado das 75 prazas de aparcamento –tres delas reservadas para persoas con mobilidade reducida- permite reorganizar o espazo para ofrecer aos usuarios un mellor e máis óptimo aproveitamento do espazo dispoñible, facilitándose deste xeito a entrada e saída dos vehículos.