- A formación pedirá que se abra un proceso de recuperación dos profesionais perdidos durante os últimos anos
O partido socialista de Carballo levará ao próximo pleno, que se celebrará o luns 30, unha moción para instar á Xunta de Galicia a iniciar a recuperación da atención primaria presencial para “poder ofrecer a mellor calidade asistencial posible”, sinalan os socialistas.
Ademais, a formación pedirá tamén que se abra un proceso de recuperación dos profesionais perdidos nos últimos anos, especialmente na atención á atención primaria, garantindo a cobertura e substitucións dos profesionais dos centros de saúde para non afastar a asistencia da cidadanía.
A inconcreción sobre o número de rastrexadores existentes no SERGAS, o “tímido” apoio que están a recibir do goberno autonómico as medidas sanitarias e sociais para afrontar esta segunda vaga e as dificultades do sistema sanitario público galego dificultan a loita contra esta pandemia.
“As políticas de recortes dos últimos anos levaron a que Galicia afronte a situación cun problema de persoal grave no sistema sanitario público”, destaca a portavoz do PSOE en Carballo, María Carmen Vila Blanco. Galicia é a terceira peor comunidade autónoma de España en cociente de médicos/as por habitante cun valor de 450 por cada 100.000 habitantes, cando a media española está sobre os 480, segundo un informe do Consello Xeral de Colexios Médicos de España.
“Temos o peor cociente de profesionais por paciente tamén en áreas como saúde mental, e estamos por debaixo da media estatal en matronas por habitante”, destaca Blanco, quen ademais fai fincapé no ámbito da pediatría, onde Galicia non chega ao 90% de prazas de atención primaria cubertas por pediatras.