Clausurado o obradoiro de emprego A Laracha V

1 minutes read

O delegado territorial da Coruña na Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, clausurou este mércores o obradoiro de emprego A Laracha V, no que participaron 20 alumnos e que contou con dúas especialidades carpintería e moble e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Este curso para desempregados contou cun investimento de máis de 400.000 euros.

Trenor apuntou que despois de algo máis dun ano de formación, xa que estes cursos se pospuxeron durante os meses de confinamento e se retomaron cumprindo coa duración establecida inicialmente, “agora toca saír a buscar un emprego co aval da mellor formación nunha área na que existe unha gran demanda”.

O alcalde agradeceu á Xunta de Galicia a posibilidade de realizar este programa e apuntou que “a colaboración entre as administracións é esencial para que os veciños teñan a oportunidade de formarse para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as oportunidades de atopar un posto de traballo”. López Varela valorou as actuacións realizadas na mellora das infraestruturas públicas, que cualificou como “un traballo feito para a cidadanía”, e lembrou aos participantes do obradoiro que agora o Concello está á súa disposición no procedemento da busca activa de emprego.

Por último, o rexedor municipal referiuse ao Obradoiro de Emprego A Laracha VI, que xa está en proceso de selección de persoal e que comezará a principios do ano que vén.

Participantes na clausura do obradoiro A Laracha V.