En Carballo “non se entenden” as medidas restritivas aplicadas pola Xunta

2 minutes read

Ademais do peche perimetral conxunto coa Laracha, as medidas en vigor desde as 00:00 deste venres inclúen a apertura das terrazas de hostalaría ao 50% da súa capacidade e con catro persoas, conviventes ou non, como máximo por mesa.

A este respecto, o goberno local mantivo a última hora deste xoves unha xuntanza con membros da xunta directiva da Asociación de Hostalaría na que se abordaron as posibles repercusións para o sector. Os hostaleiros preguntaron polos criterios utilizados pola Xunta para aplicar as máximas restricións en Carballo e A Laracha, mentres que noutros concellos con maior incidencia do coronavirus haberá menos. Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, como os concelleiros presentes na xuntanza, Xosé Regueira, de Promoción Económica, e Juan Seoane, de Seguridade, Feiras e Mercados, coincidiron en que “non se entenden” as medidas aplicadas, que, en palabras do alcalde, supoñen “unha decisión fatal para a hostalaría pero tamén para o comercio”, xa que non poderán comprar en Carballo os veciños de ningún concello da volta agás o da Laracha.

Os representantes municipais tamén informaron ao sector sobre os acordos adoptados no pleno ordinario deste luns, que supoñen a exención do pago da taxa de terrazas no ano 2021, por segundo ano consecutivo, e a aplicación dun sistema conxunto de redución da taxa e subvención de ata o 100% do lixo comercial para os sectores hostaleiro, hoteleiro e turístico en xeral.

A maiores, dende o Concello de Carballo impulsáronse outras liñas de axuda directa ao comercio, a hostalaría, autónomos/as e pemes en xeral, tanto a través da tarxeta Sempre Carballo como do programa PEL Reactiva. Carballo foi o concello de toda a provincia no que máis solicitudes se presentaron, xa que se superaron as 600. Xosé Regueira, que ademais de concelleiro é vicepresidente da Deputación, anunciou que está previsto facer efectivas as axudas xa no mes de marzo.