O pavillón Municipal da Laracha acolleu este venres a proba da fase de oposición do procedemento de selección do auxiliar administrativo que o Concello incorporará como funcionario interino para executar programas de carácter temporal e cubrir necesidades urxentes ante o volume de traballo motivado polo incremento da tramitación de expedientes administrativos pola crise do coronavirus.
Das 135 persoas admitidas presentáronse ao exame 98. Como medida de seguridade, o acceso ao recinto realizouse de xeito gradual para evitar aglomeracións, tomouse a temperatura de todos os asistentes e no interior do pavillón as mesas gardaron a distancia interpersoal de 1,5 metros.
Ademais do exame realizado este venres, consistente nunha proba tipo test de cincuenta preguntas, ao tratarse dunha selección de persoal polo sistema de concurso-oposición tamén se terá en conta a valoración de méritos de cada opositor, cuxa táboa pode consultarse na web municipal www.alaracha.gal.
Entre as funcións do novo auxiliar administrativo que incorporará o Concello cabe salientar a tramitación das solicitudes de subvención dos plans de axudas impulsados polas administracións, cooperación cos diferentes departamentos municipais e tramitación dos expedientes sancionadores por incumprimento das medidas de prevención sanitaria.