20 establecementos de hostalería renovarán as súas instalacións co apoio da Xunta

1 minutes read

O delegado territorial, Gonzalo Trenor, visitou o hotel Crunia de Culleredo, un dos beneficiarios da liña de axudas para financiar actuacións de mellora de infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, aos que se destinou máis de 342.000 euros e dos que se beneficiaron un total de 20 negocios da provincia da Coruña.

Esto permitiu apoiar aos beneficiarios ata o 35% do seu investimento, cun máximo de 35.000 euros. A través destas axudas financiouse, entre outras actuacións, accións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas nestes negocios; obras para a optimización das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial a Q de Calidade Turística; ou actuacións para incrementar a clasificación do establecemento e elevar a súa categoría.

Tamén incluíu iniciativas de climatización que favorezan a sustentabilidade introducindo medidas de aforro enerxético; a modernización das instalacións e do embelecemento do entorno; ou a renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento dos establecementos.