Desaparecen do catálogo os karaokes e taboados flamencos.
A Xunta de Galicia simplificou o catálogo no que se recollen os diferentes espazos públicos de lecer e actividades recreativas para outorgar as licenzas de actividade que require cada lugar. O novo documento, que está en período de consulta a través dun decreto, pero cando se aprobe definitivamente obrigará aos concellos para revisar todas as licenzas que outorgaron para que se axusten aos novos criterios.
Unha das súas decisións máis polémicas foi eliminar figuras como os karaokes e os taboados flamencos, regulados en 2004, xa que a súa incidencia na comunidade non xustifica unha tipoloxía específica e pódense encaixar noutras xa existentes.
O desenvolvemento da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, na que se enmarca este catálogo, tamén establece criterios para determinar a capacidade ou aforamento dos establecementos e espazos públicos, que queda fixado en dúas persoas por metro cadrado de espazo computable. Ademais, xa se prevé a posibilidade de que nun mesmo local ou recinto desenvolva máis dun tipo de espectáculo ou actividade sempre que sexan compatibles entre si.
Poderanse celebrar actuacións en vivo sempre que non requiran un escenario desmontable, camerinos, nin medidas especiais de seguridade e insonorización diferentes ás que xa teña o propio establecemento.
Os locais abertos ao público poderán pedir permiso para celebrar actividades recreativas de carácter extraordinario, pero terán un límite máximo de seis espectáculos ao ano, sempre que se reúnan as condicións técnicas e de seguridade. A aplicación dependerá dos concellos, que á marxe do traballo administrativo de revisión das licenzas terán que velar polo seu cumprimento incidindo naqueles locais nos que poida haber un cambio substancial de horario.