A agrupación local do BNG de Laxe vén de debullar os pasos dados en materia turística polo Goberno local do Partido Popular dende que tomou posesión en xullo do ano 2019.
Os nacionalistas céntranse na ausencia de contidos na web municipal adicada íntegramente ao terreo turístico, www.turismolaxe.gal, e que poñía en marcha o anterior executivo cando o edil nacionalista Xosé Manuel Pose comandaba a área de Comercio, Hostalería e Turismo.
Segundo o BNG o traballo turístico do Concello de Laxe dende xullo de 2019 ata o de agora limitouse á publicación dun calendario turístico e dúas novas sobre a Covid-19.
O voceiro nacionalista no Concello considera que estas tres novas “son todo o que ten que contarlle o Concello de Laxe ao mundo en materia turística”. Pose asegura que “este é o verdadeiro interese do Goberno municipal do PP polo turismo de Laxe e que non nos veñan coa desculpa da Covid-19, que xa non cola”.
Un enfoque diferente
Os nacionalistas recordaron unha boa parte das actividades postas en marcha polo anterior Goberno xa só durante o ano 2019, como campañas de comercio por San Valentín e o día do comercio, eventos gastronómicos coma Laxe na Boca, ou a potenciación das actividades da Semana Santa e o Museo do Mar.