O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, reuníronse coa concelleira de Cultura, Olaría, Igualdade e Patrimonio de Malpica, Leticia Varela e o concelleiro Miguel Varela para avanzar en dous proxectos de especial interese na promoción patrimonial, cultural e turística do concello.
Un sería a remusealización do Forno do Forte e o outro o desenvolvemento do proxecto da Croa do Castro de Cerqueda do que se realizou o pasado mes de novembro a prospección xeofísica con gradiómetro. Respecto a este último, Xosé Regueira mostrou a dispoñibilidade da Deputación da Coruña a colaborar nesta iniciativa coa participación dun convenio a tres partes no que, ademais do propio Concello de Malpica de Bergantiños, tería que participar o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia.
“Un convenio a tres sería a fórmula máis acaída para un proxecto que precisa a participación das tres institucións implicadas e que contribuiría a avanzar nunha investigación que pode dar pasos adiante non só no coñecemento da nosa historia senón tamén na atracción patrimonial da Costa da Morte”, sinalou Xosé Regueira.