A Laracha | Iniciadas as obras da prolongación da avenida Manuel Fraga

1 minutes read
  • O proxecto forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís

Xa están en marcha as obras do proxecto de urbanización da avenida Manuel Fraga ata a rúa Maruja Mallo, no concello de A Laracha. O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira Patricia Bello mantiveron unha reunión cos operarios no lugar das actuacións para interesarse polo inicio dos traballos que está a desenvolver a empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L.

O proxecto, valorado en preto de 245.000 euros, forma parte do Plan especial de equipamentos educativos do IES Agra de Leborís e inclúe a pavimentación da calzada, a construción de beirarrúas, un espazo de aparcamento e tamén a creación das redes de saneamento e abastecemento, entre outras actuacións.

Con esta intervención crearase unha circunvalación que conectará directamente a estrada A Laracha-A Silva (DP-2404) coa estrada A Laracha-Soandres (DP-1913) pola Avenida Doutor López Astray, mellorando as comunicacións rodadas.

A obra tamén permitirá habilitar un novo acceso cara ao instituto –pola parte posterior do centro- para os autobuses de transporte escolar, reforzándose así a seguridade para os seus usuarios.