O Goberno local da Coruña anunciou no Pleno celebrado este xoves que efectuará cambios importantes nas liñas do bus urbano e, tal como o demandou a asociación de veciños de Novo Mesoiro, modificará a ruta do 21; e realizará unha mellora na do 11, que consistirá nunha modalidade “exprés”, que diminuirá os tempos de espera. Ademais, o concelleiro Juan Díaz Villoslada asegurou que desde Mobilidade están en fase de probas para instalar un carril 30 na rolda de Outeiro, nesa idea de cidade que ten o Goberno de Inés Rey, en que “apostamos pola redución da velocidade, polo transporte público e mais pola creación de espazos peonís que favorezan o tránsito a pé”. Pola súa parte, o edil tamén manifestou que o cambio á plataforma tecnolóxica que lles dará cobertura ás persoas usuarias da Tarxeta Millennium estará operativo no primeiro semestre do ano e que están desenvolvendo os estudos técnicos correspondentes para que o transporte público dispoña dunha plataforma única en Juan Flórez. Asemade, Villoslada recordou que neste ano mellorouse a accesibilidade de 14 paradas de bus.
8