O presunto autor do crime de Oza coñecía ao marido da vítima

2 minutes read
  • Trátase dun veciño de Culleredo de 51 anos que sufriu unha parada cardiorrespiratoria cando o apresaron

O presunto autor do asasinato dunha muller o pasado venres en Porzomillo, no municipio coruñés de Oza- Cesuras, coñecía á vítima, segundo explicou a Garda Civil. Trátase dun home de 51 anos veciño de Culleredo e que, no momento da detención, coincidía coa descrición duns veciños, quen detallaban que viran a un home «de complexión grosa e cun chaleco reflector» que fuxira da vivenda onde falecera a muller.

Nun momento, e con todas as hipóteses abertas, as autoridades apuntaban a un posible roubo como o motivo do asasinato. Este luns, as autoridades confirmaron que o sospeitoso coñecía ao marido da falecida, quen foi localizada na súa vivenda cun disparo na caluga e sobre un gran charco de sangue. A pesar da chegada dos efectivos policiais e persoal médico do 061, nada se puido facer pola vida da vítima, de 33 anos.

Grazas ás primeiras informacións solicitadas das testemuñas, quen sobre as 19:00 horas referían ver a «un home de complexión forte que vestía un chaleco reflector» saltar polo enreixado da leira do domicilio e emprender a fuxida por un carreiro próximo á casa, as autoridades lograron atopar ao suposto agresor oculto nunhas matogueiras e con abundantes manchas de sangue na súa roupa.

Nun primeiro momento tentou despistar aos axentes indicando que se atopaba paseando pola zona e lesionouse nun pé, pero inmediatamente despois de ser preguntado acerca da súa relación co falecemento da muller, entrou en parada cardiorrespiratoria. A requirimento dos axentes, persoal do 061 procedeu á súa reanimación, sendo trasladado acto seguido ao CHUAC, facéndoo xa en calidade de detido e custodiado por unha patrulla, permanecendo ingresado en observación ata estes momentos, tanto pola súa doenza cardíaca como debido ao traumatismo nun pé.

Durante a inspección do lugar dos feitos, a uns metros do lugar onde xacía o corpo, foi atopado un casquillo do calibre 9 mm curto. Acudida a Autoridade Xudicial para o levantamento do cadáver, o Forense inspeccionou o corpo confirmando como causa da morte un disparo con orificio de entrada na parte posterior do cranio. Tendo en conta que entre as súas pertenzas o detido non portaba ningunha arma, á mañá seguinte dispúxose un operativo de procura, conseguindo localizala no interior dunha bolsa de plástico que o presunto autor supostamente enterrara xunto co chaleco reflector, uns grilletes, unha cadea metálica de varios metros de lonxitude, uns cadeados e varios cartuchos.

A uns 700 metros do domicilio da vítima achouse o vehículo propiedade do sospeitoso, o cal se interveu para unha posterior análise, sendo trasladado a dependencias da Garda Civil da Coruña.

A través das xestións e declaracións testemuñais practicadas ata o momento, aínda que non se pode afirmar a motivación que impulsou ao presunto autor a cometer os feitos, tívose coñecemento que vítima e autor se coñecían e investígase dita
relación.