A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, expresoulle este martes á Subdelegación do Goberno a súa preocupación pola contradición entre os datos oficiais do consumo de drogas no municipio e as informacións publicadas en algúns medios nos últimos días.
Este sentir fíxose ver nunha reunión telemática que a rexedora mantivo coa subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo e co xefe da Comandancia da Garda Civil na Coruña, o coronel Francisco Javier Jambrina.
“En ningún informe previo da Garda Civil e tampouco nos datos que nos trasladaron na reunión que mantivemos en decembro se reflicten os puntos de venta que se fixeron públicos ao detalle nos medios de comunicación e que tamén coinciden co sentir do pobo polo que cremos que é necesario que se investigue”, destacou Sandra Insua.

Ante esta situación a subdelegada do Goberno confirmou que a Garda Civil reforzará a súa presencia en Camariñas para constatar estes datos e, se é así, erradicar os delitos de droga no municipio e acabar cos puntos de tráfico de estupefacientes.
Sandra Insua tamén lle trasladou á Subdelegación do Goberno a intención do Concello de estudar as posibilidades para impulsar, cunha subvencióin municipal, a reactivación dunha asociación de loita contra a droga como o era ‘Abondou’, que realizou unha gran labor no municipio antes da súa desaparición no ano 2016.
Desde a Garda Civil recoñeceron que esta “é unha lacra difícil de erradicar se non se actúa desde a raíz e na solución deben involucrarse todas as administracións” e anunciaron que proximamente organizarán charlas formativas nos centros educativos para concienciar desta lacra aos máis novos.