Muxía | O PP pide a convocatoria dos portavoces municipais para solucionar a estrada de Faro Touriñán

1 minutes read
  • A estrada, que aínda non está rematada, xa mostra deficiencias

O Partido Popular de Muxía, a través da súa voceira, Sandra Vilela, solicitoulle ao rexedor da localidade, Iago Toba, unha xuntanza dos portavoces municipais para buscar unha solución aos problemas na execución da obra da estrada a Faro Touriñán. “É lamentable que aínda sen acabar de ser executada a obra, esta xa teña baches no seu inicio e as cunetas xa se estean desfacendo” comenta Vilela.

Os populares consideran que o goberno local debe esixirlle á autoridade portuaria que faga unha execución correcta da obra “porque se non é así seguimos tendo o problema que xa tiñamos: un vial en malas condicións”.

Ademais, desde a formación popular lembran que, debido ó convenio firmado coa autoridade portuaria, a titularidade deste firme pasaría a ser municipal e, por ende, o seu mantemento. “Non podemos poñerlle esa hipoteca enriba ó noso concello e recibir unha estrada que xa tería que repararse dentro dun ano.”