A Semana de Prevención de Incendios que organiza o Concello, a través do seu servizo de Bombeiros, comezou marcada polas restricións sanitarias que se vive debido á pandemia. Así, o Servizo de Bombeiros da cidade decidiu trasladar as súas actividades á Rede. Ata o 22 de xaneiro, os bombeiros, a través dunha plataforma en liña, realizarán unha serie de charlas dirixidas ao alumnado de 4º a 6º de Educación Primaria nas que participarán distintos centros educativos da cidade (CEIP Novo Mesoiro, CPR Calasancias, CEIP Maria Barbeito, CEE Nosa Sra. Do Rosario, CEIP Wenceslao Fernández Flórez , CEIP Prácticas).
Trátase dunha iniciativa que busca sensibilizar a cativada sobre a importancia de coñecer o que deben de facer en caso de incendio. Ademais, as charlas tamén teñen como obxecto que as nenas e os nenos non perdan o contacto cos servizos públicos da cidade nestes momentos en que non se poden visitar as instalacións. Deste xeito, os bombeiros poden seguir en contacto cos centros escolares.
As actividades en liña contarán cunha persoa intérprete da linguaxe de signos, xa que unha das videoconferencias vai dirixida a persoas con discapacidade auditiva.