A Xunta trasládalles aos empresarios do polígono de Bértoa, en Carballo, o compromiso de avaliar as súas propostas para mellorar os servizos de transporte público cara á área industrial do municipio.
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo unha reunión con representantes do polígono e do Concello de Carballo co obxectivo de abordar a posibilidade de axustes nas conexións de autobús coa zona empresarial.
Ignacio Maestro solicitoulles información concreta sobre as orixes e os destinos solicitados, así como os horarios suxeridos polos empresarios, de cara a poder avaliar as posibles melloras e axustes nas liñas de transporte público.
A Dirección Xeral de Mobilidade, unha vez que dispoña destes datos, analizará a posibilidade de engadir ou modificar paradas nalgunha das expedicións coa fin de facilitar a mobilidade dos veciños da zona cara ao citado parque empresarial.
Na xuntanza tamén se lle trasladou aos empresarios e ao propio concello a posibilidade de que poñan en marcha un servizo de lanzadeira interna para favorecer o acceso ás paradas e, por conseguinte, ao polígono, que permitiría unha maior flexibilidade nos desprazamentos.
O director xeral de Mobilidade explicou que a Xunta segue realizando unha análise continua do funcionamento do transporte público interurbano para efectuar os axustes precisos e ofrecer uns servizos eficientes aos cidadáns.