O PP de Muxía pide un Fondo de Cooperación Covid-19 para rescatar a hostalería

2 minutes read
  • Nese programa de axudas a Xunta achegaría o 50% da contía económica, a Deputación da Coruña o 30% e os concellos o 20% restante

O Partido Popular de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, levará ao pleno unha moción na que reclamará ao goberno local o seu compromiso, xunto co resto de administracións públicas de Galicia, para a creación dun Fondo de Cooperación Galego Covid-19 co obxectivo de rescatar ao sector hostaleiro de toda a comunidade autónoma e, en concreto, ao da localidade muxiá.

Os populares subliñan que a hostalería é un dos sectores nos que maior impacto teñen as restricións sanitarias implantadas para a contención da pandemia da COVID-19, e recordan que é un sector que abrangue a preto de 20.700 establecementos en Galicia: a maior parte pequenas e medianas empresas que son fonte de subsistencia de moitas familias galegas.

Desde o grupo municipal do PP son conscientes de todas as medidas económicas adoptadas polo goberno autonómico para o sector da hostalería pero “o momento actual que estamos a vivir demanda levar a cabo máis medidas”, afirma Vilela, quen considera que as achegas nos vindeiros meses “deberán continuar dada a evolución da situación sanitaria”.

A formación popular de Muxía pretende seguir o modelo que se implantou na comunidade autónoma de Valencia, é dicir, pide a creación dese Fondo de Cooperación Covid-19 no que, segundo Vilela, a Xunta de Galicia achegaría o 50% da contía económica, a Deputación da Coruña o 30% e os concellos o 20% restante.

Outras demandas
Na moción presentada, os populares aproveitaron tamén para reclamar que a Deputación se comprometa a estudar e, no seu caso, aplicar, as demandas que o sector ten feito ás administracións locais no ámbito das súas competencias e que algunhas teñen desbotado publicamente implementar.

Estas medidas pasan pola redución ou exención das taxas municipais á instalación de terrazas, á recollida de lixo e á auga, a aplicación dos tipos mínimos legais no imposto sobre bens inmobles (IBI) ou a bonificación do imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO).